A noite do 31 de outubro
A noite do 31 de outubro está marcada no calendario das galegas e galegos desde tempos históricos, aínda que durante moitos anos quedou no esquecemento. Nesta noite máxica, as nosas devanceiras e devanceiros celebraban rituais que simbolizaban a transición cara ao inverno. As culturas celtas do norte, que exerceron unha gran influencia na nosa costa atlántica, recoñecían só dúas estacións: o verán ou estación clara, e o inverno ou estación escura. O último día de outubro marcaba o final dunha tempada frutífera de colleitas e o inicio da longa noite invernal. De feito, etimoloxicamente en gaélico, o seu significado é “final do verán”.


A orixe dos disfraces
A orixe dos disfraces nesta xornada remóntase ao costume dalgunhas persoas, sobre todo as iniciadas nos rituais da alquimia e a bruxería, de cubrirse con peles e máscaras para así despistar a criaturas maléficas como pantasmas e espíritos.
O pobo irlandés
O pobo irlandés baleiraba nabos e, no oco interior, colocaba unha ascua ardente para guiar ás persoas defuntas e achegalas ao mundo das persoas vivas nesta noite máxica. As cabazas, que tardaron en chegar décadas aos campos destas rexións, substituiron aos nabos, acompañadas agora de candeas no seu interior e exterior, para continuar coa súa labor de guía das almas. En Galicia, acompañaban ao bodegón da noite os melóns, as castañas e as patacas, ademais dos xa coñecidos e mencionados nabos e cabazas.


Que medo!
A noite do Samaín é, ante todo, unha ocasión para lembrar ás nosas persoas devanceiras. Na tradición galega, o terror ocupa un lugar secundario, aínda que resulta doado deixarse levar polo pavor cando evocamos ás persoas mortas e ás figuras que xorden do mundo da noite e do inverno.
A comitiva defunta
A comitiva defunta da Santa Compaña ten a súa orixe nesta noite… É moi importante evitar a súa cercanía! Unha persoa viva preside a procesión de almas penitentes dos falecidos. Só pasará o seu testemuño e recobrará a liberdade arrebatada se consegue que outra persoa comece a penar no seu lugar.
Non é unha noite para entreterse! Quizais as almas das persoas falecidas elixan a nosa mesa da cea para darse un festín, ou para refuxiarse do frío preto do fogar. Por esa razón, nesta noite é mellor levantarse sen recoller os restos de pratos e potas, e resulta efectivo deixar un lume intenso por se precisan acubillo.


O Samaín é a festividade americana de Halloween?
Efectivamente ambas están moi emparentadas. A americana chegou a través de colonos que, procedentes dos territorios do Reino Unido, emigraron cara a EEUU nos séculos XVIII e XIX. Nese momento levaron consigo as súas tradicións e entre elas, a da noite do 31 de outubro. Desde entón popularizouse moito e sufriu desvirtuacións comerciais moi propias da súa sociedade tan mercantil e publicitaria. Por tanto, a festa de Halloween ten orixe na festa de Samaín pero sufriu na súa interpretación bastantes cambios.
