Skip links

A noite do 31 de outubro

está marcada no calendario dos e das galegas desde tempos históricos, aínda que durante moitos anos permaneceu moi esquecida. Nesa noite, de carácter máxico, os nosos devanceiros e devanceiras fixaron a celebración que daba paso definitivamente ao inverno. As culturas do norte celta, que tanto influíron na nosa fachada atlántica só diferenciaban dúas estacións: no último día de outubro terminaba un frutífero tempo de colleitas e comezaba a longa noite invernal. De feito, etimoloxicamente en gaélico o seu significado é “final do verán”.

A orixe dos disfraces

nesta xornada remóntase ao costume dalgúns, sobre todo as persoas iniciadas nos rituais da alquimia e a bruxería, de cubrirse con peles e máscaras para así despistar a criaturas maléficas como pantasmas e espíritos. Tan arraigada estaba a tradición entre os nosos antepasados e antepasadas que mesmo sobreviviu á chegada do cristianismo, inimigo declarado das crenzas pagás. Desde entón, foi vindo a menos, gorecéndose nas aldeas e veciñanzas do norte da nosa provincia ata que hai algunhas décadas rexurdiu tomando novos folgos e estendéndose por toda Galicia cada vez con máis forza grazas á axuda das persoas estudosas da tradición e o patrimonio cultural.

O pobo irlandés

baleiraba nabos e no oco interior colocaban unha ascua ardente para guiar ás súas persoas defuntas e achegalas ao mundo dos vivos/as nesta noite máxica. As cabazas, que tardaron en chegar décadas aos campos dos/das agricultores/as destas rexións substituíron aos nabos acompañadas agora de velas no seu interior e exterior, para proseguir co seu labor de guía dos mortos. En Galicia acompañaban ao bodegón da noite melóns, castañas e patacas, á parte dos consabidos e mencionados nabos e cabazas.

Que medo!

A do Samaín é unha noite de recordo dos nosos antepasados e antepasadas. Na tradición galega o terror ocupa un segundo lugar, aínda que é tan fácil sucumbir ao pavor cando falamos da morte e personaxes vidos do mundo da noite e o inverno…

A comitiva defunta

da Santa Compaña ten a súa orixe nesta noite… É moi importante evitar a súa proximidade! Unha persoa viva preside a procesión de almas penitentes de falecidos/as. Só pasará a súa testemuña e recobrará a súa liberdade arrebatada se consegue que outra persoa comece a penar no seu lugar. 

Non é unha noite para entreterse! Quizais as almas das persoas falecidas elixan a nosa mesa da cea para darse un festín. Ou para refuxiarse do frío preto do fogar. Por esa razón, nesta noite é mellor levantarse sen recoller os restos de pratos e pucheiros e é efectivo deixar un lume intenso por se precisan acubillarse. Isto non contrariará aos vindos do outro mundo. 

O Samaín é a festividade americana de Halloween?

Efectivamente ambas están moi emparentadas. A americana chegou a través de colonos que, procedentes dos territorios do Reino Unido, emigraron cara a EEUU nos séculos XVIII e XIX. Nese momento levaron consigo as súas tradicións e entre elas, a da noite do 31 de outubro. Desde entón popularizouse moito e sufriu desvirtuacións comerciais moi propias da súa sociedade tan mercantil e publicitaria. Por tanto, a festa de Halloween ten orixe na festa de Samaín pero sufriu na súa interpretación bastantes cambios.

gl_ESGalego