Skip links

A noite do 31 de outubro

está marcada no calendario das persoas habitantes de Galicia desde tempos históricos, aínda que durante moitos anos quedou no esquecemento. Nesta noite máxica, os nosos devanceiros celebraban rituais que simbolizaban a transición cara ao inverno. As culturas celtas do norte, que exerceron unha grande influencia na nosa costa atlántica, recoñecían só dúas estacións: o verán ou estación clara, e o inverno ou estación escura. O último día de outubro marcaba o final dunha tempada frutífera de colleitas e o inicio da longa noite invernal. De feito, etimoloxicamente en gaélico, o seu significado é “final do verán”

A orixe dos disfraces

A orixe dos disfraces nesta xornada remóntase ao costume dalgunhas persoas, sobre todo as iniciadas nos rituais da alquimia e a bruxería, de cubrirse con peles e máscaras para así despistar a criaturas maléficas como pantasmas e espíritos.

O pobo irlandés

baleiraba nabos e no oco interior colocaban unha ascua ardente para guiar ás súas persoas defuntas e achegalas ao mundo dos vivos/as nesta noite máxica. As cabazas, que tardaron en chegar décadas aos campos das persoas agricultoras destas rexións, substituíron aos nabos, acompañadas agora de velas no seu interior e exterior, para proseguir co seu labor de guía dos mortos. En Galicia acompañaban ao bodegón da noite melóns, castañas e patacas, á parte dos consabidos e mencionados nabos e cabazas.

Que medo!

A do Samaín é unha noite de recordo dos nosos antepasados e antepasadas. Na tradición galega o terror ocupa un segundo lugar, aínda que é tan fácil sucumbir ao pavor cando falamos da morte e personaxes vidos do mundo da noite e o inverno…

A comitiva defunta

da Santa Compaña ten a súa orixe nesta noite… É moi importante evitar a súa proximidade! Unha persoa viva preside a procesión de almas penitentes de falecidos/as. Só pasará a súa testemuña e recobrará a súa liberdade arrebatada se consegue que outra persoa comece a penar no seu lugar. 

Non é unha noite para entreterse! Quizais as almas das persoas falecidas elixan a nosa mesa da cea para darse un festín. Ou para refuxiarse do frío preto do fogar. Por esa razón, nesta noite é mellor levantarse sen recoller os restos de pratos e pucheiros e é efectivo deixar un lume intenso por se precisan acubillarse. Isto non contrariará aos vindos do outro mundo. 

O Samaín é a festividade americana de Halloween?

Efectivamente ambas están moi emparentadas. A americana chegou a través de colonos que, procedentes dos territorios do Reino Unido, emigraron cara a EEUU nos séculos XVIII e XIX. Nese momento levaron consigo as súas tradicións e entre elas, a da noite do 31 de outubro. Desde entón popularizouse moito e sufriu desvirtuacións comerciais moi propias da súa sociedade tan mercantil e publicitaria. Por tanto, a festa de Halloween ten orixe na festa de Samaín pero sufriu na súa interpretación bastantes cambios.

gl_ESGalego